Monday 06 de May de 2024

O avance das obras de mellora das beirarrúas da avenida de Alxeciras fará necesario novas restricións de estacionamento a partir do luns


Prohibirase aparcar na marxe dereita desa vía, en dirección Fene, entre a rúa Roseira e o Camiño do Regueiro

O avance dos traballos de acondicionamento das beirarrúas da Avenida de Alxeciras, no tramo comprendido entre a rúa Roseira e o camiño do Regueiro, provocará, a partir do próximo luns novas restricións en materia de estacionamento na zona. Desta volta, as afeccións corresponden á marxe dereita da avenida, circulando en dirección Fene, é dicir, o lado no que se localiza o Eroski.
Así, tal e como vén de sinalizar o Concello, dende o 16 de outubro, a partir das 8 horas, e ata a finalización dos traballos, prohíbese estacionar e aparcar nese lado da estrada. Unha medida que busca facilitar ao máximo a execución dunhas obras que contribuirán a reforzar a seguridade dos peóns, a mellorar as redes de servizos básicos e a dotar a esta zona dunha imaxe urbana, acorde coa do resto da avenida.

En algo menos de mes e medio, a firma adxudicataria do proxecto -Construcciones Siber Ordes SL-completaba o groso da intervención no marxe oposto da principal arteria de comunicación da localidade. Nesa zona, na que xa se pode volver a estacionar, a beirarrúa xa loce o novo pavimento de baldosa hidráulica, fronte ao anterior de formigón, que presentaba resaltes e obstáculos; instaláronse as novas canalizacións para recoller as augas pluviais e substituíronse as tubaxes de fibrocemento da rede de abastecemento. Unhas actuacións que se replicarán agora na outra beirarrúa da avenida.

Dende o Concello de Neda, conscientes das molestias derivadas das obras, que afectarán a un espazo especialmente transitado da vila, a contar con distintos establecementos comercias e de hostalería, piden desculpas anticipadas. Inciden ademais na necesidade do proxecto, que conta cun investimento de algo máis de 100.000 euros, financiado con cargo ao POS 2022, para mellorar este espazo urbano.